Temos a solución que necesitas para eventos con participantes ou poñentes que non poidan asistir presencialmente a un evento
Se te achegaches á nosa páxina imaxinamos que é porque precisas un servizo relacionado coa comunicación entre distintos idiomas.
Antes de nada, abramos a fiestra para que nos aclare o A[i]Re!
Se o que precisas é traballar cun texto escrito entón falamos de tradución. Para este servizo, non dubides en contactar con agp traducciones porque elas serán as que te poden axudar.
Se o que buscas é a comunicación que vai polo aire, é dicir, aquela de tipo oral, entón sigue lendo.
Nós sabémolo ben
Organizar un evento con participantes que falan idiomas diferentes, por pequeno que sexa, dá moitísimo traballo.
E o peor que pode pasar despois de tanto esforzo é que a xente non se entenda. Para iso estamos nós, para facilitar ese proceso, para que a comunicación flúa coma o A[i]Re.
Para atopar a solución máis axeitada en cada momento, cun servizo de calidade onde o importante é deixarse levar polo noso vento!
Servizos
Por veces será preciso instalar unha cabina para que as intérpretes poidamos interpretar ao mesmo tempo que a persoa fala (interpretación simultánea), outras veces teremos que sentar a carón de alguén que asiste a un encontro e ir interpretando o que se fala (chuchotaxe) ou reproducir un discurso despois de que este se produza (consecutiva).
En calquera caso, nós podemos asesorar para que a comunicación se produza da mellor maneira en cada situación, e ás veces, aconsellar sobre formas de reorganizar o evento para abaratar o máis posible o servizo sen comprometer a calidade xeral do evento.
Dependendo do tipo de evento ou encontro do que falemos será máis axeitado un tipo de interpretación ou outra.
Modalidades de interpretación
Existen moitas modalidades de interpretación en función do servizo que se necesita






Sistema A[i]R
En A[i]R Interpretación estamos xa en situación de ofrecer solucións de interpretación simultánea remota ou híbrida grazas ao noso “Sistema A[i]R”. Colaboramos con ISGAL Eventos para prestar servizos de interpretación tanto utilizando plataformas existentes como mediante un estudio (hub), garantindo un servizo de calidade.
Contacta con nós ou descarga o noso folleto para máis información.
O A[i]Re funciona se…
Se privilexia a calidade das profesionais
A diferenza de costes será compensada polas vantaxes en termos de imaxe, eficacia da comunicación, éxito do evento e rendibilidade do investimento.
Se proporciona a documentación necesaria
Indispensable para o equipo de intérpretes, para que poidan prepararse, tendo en conta que o tempo real da interpretación é a parte máis pequena do traballo de preparación que se fai previamente.
Contamos cos medios necesarios para cada servizo
A interpretación é un traballo que esixe un gran esforzo de concentración, polo que en moitos servizos teñen que traballar dúas intérpretes á vez por cada idioma.
Quen somos
Francesca Carlucci
As miñas experiencias no mundo do asociacionismo, da música e do teatro foron o primeiro xerme dende o que naceu a curiosidade polo estudo das linguas e das culturas estranxeiras. Coñecer novas persoas, enfrontarme a novos retos e aprender dos demais foron e seguen sendo eixes fundamentais do meu traballo de intérprete que compaxino coa docencia do italiano. Ambas actividades, xunto coas experiencias maduradas ao longo dos anos, representan a mellor forma de enfrontarme ao meu traballo con espírito de abertura, paixón, gratificación persoal e enriquecemento diario.


Andrea Gutiérrez
Aínda que me dedico á tradución dende hai moitos anos, a miña achega ao equipo vén polo aspecto da organización e da xestión. Dirixo unha empresa galega de tradución asentada en Vigo dende o ano 2001. Durante todo este tempo traballamos con empresas da nosa contorna, tanto pequenas coma grandes, multinacionais do noso sector e institucións europeas.
Considérome unha persoa creativa, con gran sentido de organización de persoas e necesidades, á que, ademais, o que máis lle gusta son os retos e sempre é capaz de ver o lado positivo de calquera cousa.
Ana Mirás
Por circunstancias da miña vida, case podo dicir que nacín intérprete. Crieime nun entorno multilingüe. Agora é a miña profesión.
Dende as miñas linguas de traballo (o francés, o castelán e o galego), funme especializando en cursos de formación para profesionais da mecánica e mesmo da odontoloxía. Xa sei que pode parecer moi raro a primeira vista, pero no noso día a día temos que atender as necesidades da nosa base de clientes para ofrecerlles un servizo da máxima calidade.
Tamén hai temas que nos veñen dados pola nosa contorna xeográfica, Galicia, como todo o relacionado coa pesca e co sector marítimo
Con cada traballo vou enriquecendo os meus coñecementos e as miñas habilidades.


María Reimóndez
Dende hai máis de dúas décadas, a interpretación é a miña paixón. Dende as miñas linguas de traballo (o galego, o inglés, o castelán e o alemán) axúdame a aprender constantemente, a coñecer persoas e temas que doutro xeito sería imposible.
Aínda que poidan parecer campos opostos, gústanme moito a medicina e os temas culturais e case todo o que vai polo medio. Non en van, outra das miñas paixóns é a escrita. E a outra máis, a xustiza social.
Estou moi contenta de compartir este proxecto con Andrea, Francesca e Ana. Imos polo aire!
"Foi un pracer contar con María Reimóndez como intérprete no proxecto teatral ‘Europa na casa (Home visit Europe)’ da compañía alemá Rimini Protokoll. Tratábase dunha peza teatral que se desenvolvía nos fogares de persoas voluntarias en Santiago de Compostela. A complexidade deste traballo, que congregaba a quince participantes á vez, viuse gratamente resolta pola anticipación, delicadeza e complicidade de María."
María Pereira Otero, Dirección Acción Cultura. Fundación Cidade da Cultura de Galicia
"María Reimóndez colaborou en distintos proxectos da nosa entidade como as Xornadas Ráfagas de Educación para a paz e o Festival Mar de Mares, como intérprete de inglés a galego en encontros inspiradores dirixidos a público xeral. O traballo de María destaca non só pola súa calidade como coñecedora de ambas linguas, tamén pola profesionalidade e trato, facendo que relatores e organización se sintan nas mellores mans."
Merce Carballo, Socia-Directora Crearte Servizos Culturais